Bono Deporte
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, explicou as novidades do Bono Deporte, que contará cun investimento de 16,2 millóns de euros para sufragar con bonos de 120 euros tanto as compras de material e equipamento deportivo como a asistencia a clases ou a realización de actividades deportivas. Descontarase un 80% de cada compra ata esgotar os 120 euros. Este Bono poñerase en marcha o próximo xaneiro dirixido a menores de 6 a 16 anos que practiquen algunha disciplina deportiva con licenza federada ou estean inscritos no programa Xogade que conta con 17 actividades e 39 federacións adheridas. Esta nova liña de axudas destinarase a compras de material e equipamento deportivo, así como a asistencia a clases ou a realización de calquera actividade deportiva na comunidade
Trenor resaltou que esta medida contribúe a fomentar a práctica de actividade física entre os máis novos, impulsa o comercio galego e apoia ás familias. Ademais, lembrou que se mantén a gratuidade do seguro de accidentes deportivos para os nenos de entre 6 e 16 anos. Galicia é pioneira nesta medida que supoñerá ata 2024 un desembolso de 4,3 millóns de euros. Nos orzamentos do próximo ano destínase ao programa 3,3 millóns de euros, dos que 2,5 corresponden á anualidade do seguro deportivo, 630.000 euros á actividade deportiva e 180.000 euros en apoio ás agrupacións deportivas escolares participantes.
Publicado 09/12/2023