CAPITULO I:

NORMAS XERAIS:

Artigo 1º.- O Club Agrupación Deportiva Náutico de Narón é unha Asociación privada con personalidade xurídica e capacidade de obrar, integrada por persoas físicas ou xurídicas, con personalidade xurídica propia e capacidade de obrar, con domicilio na Comunidade Autónoma de Galicia, que ten como obxecto primordial o fomento e o impulso da práctica continuada dunha ou varias modalidades deportivas, así como a participación en actividades e competicións deportivas calquera que sexa o seu nivel e destinatario.

Artigo 2º.- O Club Agrupación Deportiva Náutico de Narón practicará como principal modalidade deportiva a de Natación, e solicitará a ratificación dos Estatutos e a inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, de conformidade coa Lei do Deporte de Galicia.

O Club Agrupación Deportiva Náutico de Narón practicará así mesmo as modalidades deportivas de Natación sincronizada e triatlón e para tal fin funcionarán as seccións deportivas correspondentes, sen prexuízo de que a Asamblea Xeral poida acordar a creación doutras.

Artigo3º.- O domicilio Social do Club Agrupación Deportiva Náutico de Narón fíxase na Estrada da Gandara nº 148, A Gándara, Naron provincia da Coruña teléfono: 981 38 91 39 e-Mail: nauticonaron@gmail.com.

O Presidente cando as circunstancias o aconsellen, poderá acorda-lo cambio do domicilio social dentro da mesma localidade. Para o traslado do domicilio a outra localidade, que deberá ser sempre dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, será necesario o acordo maioritario da Asamblea Xeral Extraordinaria.

En ámbolos casos, o traslado de domicilio social non implicará modificación estatutaria, e terá de ser notificado ós socios, e ó Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

CAPITULO II
CLASES DE SOCIOS, ADMISIÓN, DEREITOS E OBRIGACIÓNS:

Artigo 4º.- O número de socios será ilimitado. A Asamblea Xeral poderá suspender, non obstante, a admisión de novos socios cando así o esixan razóns de aforo ou capacidade física das instalacións. Os socios poderán ser das seguintes clases: de número, honorarios, aspirantes e familiares.

Artigo 5º.- Son socios de número tódalas persoas maiores de idade, que satisfagan a cota social establecida pola Asamblea Xeral.

Os menores de 18 anos, clasificaranse como socios aspirantes, tendo dereito ó uso das instalacións sociais mediante a cota que se fixe e pasarán automáticamente a ser socios de número ó cumpriren a maioría de idade.

Serán socios honorarios aquelas persoas ás que a Asemblea Xeral confira esta distinción e terán un posto de preferencia nos actos oficiais da sociedade.

Son socios familiares todas aquelas persoas que dependan economicamente dun socio de número e convivan con el no mesmo domicilio.

Artigo 6º .-
1.- Os socios de número terán os seguintes dereitos:
a) Contribuír ó cumprimento dos fins específicos da asociación.
b) Esixir que a Asociación se axuste ó disposto na normativa autonómica deportiva e ó establecido no presente Estatuto.
c) Separarse libremente da Asociación.
d) Coñece-las actividades da Asociación e examina-la súa documentación, previa petición razoada ó Presidente.
e) Expor libremente as súas opinións no seo da Asociación.
f) Ser elector e elixible para os órganos de representación e goberno da Asociación, sempre que teña plena capacidade de obrar.
2.- Son obrigacións dos socios de número:
a) Aboa-las cotas que esixa a Asemblea Xeral.
b) Contribuír ó sostemento e difusión do deporte ou modalidades Deportivas.
c) Acatar cantas disposicións dicte a Asemblea Xeral, a Xunta Directiva ou Presidente, para o bo goberno da sociedade.
3.- Os socios aspirantes terán dereito a aproveitarse dos servicios e instalacións sociais da Asociación.
4.- Os familiares dos socios de número terán dereito a aproveitarse daqueles servicios e instalacións que se determinen, previo pago da cota fixada.
Artigo 7º.- Para ser admitido como socio, en calquera das súas modalidades, será necesario:
• Te-la idade sinalada para cada unha delas.
• Solicitude por escrito dirixida ó Presidente.
• Satisface-la cota de ingreso correspondente.
Artigo 8º.- A condición de socio pérdese:
• Por vontade propia.
• Por falta de pago das cotas sociais durante tres meses consecutivos, previo requirimento de pago, e consecuente Resolución do Presidente.
• Por acordo do presidente no seu caso, fundado en faltas de carácter grave, previa audiencia do interesado, que haberá de ser ratificado na primeira asemblea xeral que se celebre.
• Por calquera outra causa establecida na lexislación vixente.

CAPITULO III
ÓRGANOS DE REPRESENTACIÓN E GOBERNO

Artigo 9º
Son Órganos de representación e goberno do Club, a Asemblea Xeral e o Presidente.

Artigo 10º
O Presidente é o órgano executivo do Club, posúe a representación legal convoca e preside os órganos de representación e goberno executando os acordos destes.
O cargo de Presidente é a título gratuíto e carente de interese nos resultados económicos da explotación, por si mesmo ou a través de persoa interposta.

Será elixido mediante sufraxio libre, directo, o igual e secreto por e entre os membros da Asemblea Xeral, cada 4 anos.

Artigo 11º
O Presidente cesará por:
a) Transcorre-lo prazo polo que foi elixido.
b) Dimisión.
c) Falecemento ou incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.
d) Aprobación dunha moción de censura pola Asemblea Xeral.
e) Inhabilitación por sentencia xudicial firme ou sanción deportiva.

Artigo 12º
1.- Como órgano complementario dos de goberno e representación poderá haber unha xunta directiva que actuará como órgano colexiado de xestión do Club, e exercerá as funcións que este estatuto lle confire.

2.- Os membros da Xunta Directiva serán designados e revocados libremente polo presidente, debendo dar conta diso na primeira Asemblea Xeral que se celebre. Da mesma formará parte un secretario e un tesoureiro. Tódolos cargos serán gratuítos e carecen de interese nos resultados económicos do Club por si mesmos ou persoa interposta.

Artigo 13º
1.- A Xunta Directiva quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando concorran a ela a maioría dos seus membros. En segunda convocatoria será suficiente a concorrencia, polo menos, de tres dos seus membros, e, en todo caso do Presidente.

2.- A Xunta Directiva convocarase polo Presidente con dous días de antelación como mínimo, á data de celebración.

A Xunta Directiva quedará tamén validamente constituída, cando estean presentes tódolos (5) seus membros, aínda que non houbera mediado convocatoria previa.
3.- En especial corresponde á Xunta Directiva:
a) Dirixir a xestión do Club, velado polo cumprimento do seu obxecto social.
b) Formular o inventario, memoria e presuposto anual, que se someterá a aprobación da Asemblea.
c) Aplicar tódalas medidas deportivas, económicas e administrativas precisas para o fomento e desenvolvemento do deporte dentro do Club.

artigo 14º
O Secretario da Xunta Directiva coidará do arquivo da documentación, redactará cantos documentos afecten á marcha administrativa da Asociación e levará o Libro de rexistro de socios e o Libro de Actas.

Artigo 15º
1.- O Tesoureiro da Xunta Directiva será o depositario da Asociación, asinará os recibos, autorizará os pagos e levará os Libros de Contabilidade.
2.- Será obriga do Tesoureiro formalizar, durante o primeiro mes de cada ano, un balance de situación e as contas de ingresos e gastos, que se porán en coñecemento de tódolos asociados.

Artigo 16º
1.- A Asemblea Xeral é o órgano supremo do goberno do Club e estará integrada por tódolos seus socios de número.
2.- As Asembleas Xerais, tanto Ordinarias como Extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando concorran a ela a maioría  os seus asociados. En segunda e última convocatoria media hora más tarde, quedará constituída calquera que sexa o número de membros presentes. Entre a data  e convocatoria e o día sinalado para a súa celebración terán de mediar, como mínimo, dez días naturais e non poderá transcorrer máis de 20.

Artigo 17º
A Asemblea Xeral convocarase polo Presidente a iniciativa propia ou do vintecinco por cento, ó menos, dos socios de número.
1.- A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario, previa convocatoria do Presidente, ó menos unha vez ó ano para tratar das seguintes cuestións:
a) Memoria, liquidación do presuposto, balance do exercicio, rendición de contas e aprobación se procede.
b) Presuposto para o seguinte exercicio.
c) Proxecto e propostas do Presidente ou da Xunta Directiva.
d) Proposicións que formulen os socios e que terán de ir asinadas ó menos, polo cinco por cento dos mesmos.
2.- Terá de se celebrar Asemblea Xeral extraordinaria para a modificación de Estatutos, elección do Presidente, toma de cartos a préstamo, emisión de títulos representativos de débeda ou de parte alícuota patrimonial, enaxenación de bens inmobles e fixación de cotas dos socios, e calquera outro acordo previsto nestes estatutos ou que se estime oportuno polo Presidente ou proceda legalmente.

Artigo 18º
Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple dos presentes, requeríndose unha maioría cualificada e un quorum determinado de asistencia para aqueles asuntos que establezan os estatutos. Serán vinculantes e de obrigado cumprimento e terán forza executiva a partir da data da súa adopción, sen prexuízo, por razón da materia, da posibilidade da súa impugnación perante os órganos competentes e da Federación Galega Deportiva da modalidade ou  perante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

CAPITULO IV
RÉXIME DOCUMENTAL

Artigo 19º
O réxime documental do Club, constará dos seguintes libros: Rexistro de Socios, de Actas e Contables.

Artigo 20º
No libro de Rexistro de Socios, terán de consta-los nomes e apelidos dos socios de número, o seu Documento Nacional de Identidade e, no seu caso, os cargos de
representación, goberno e administración que exerzan no Club. Tamén hanse especifica-las datas de altas e baixas, e as de toma de posesión e cese nos cargos aludidos.

Artigo 21º
No libro de Actas, consignaranse as reunións que celebre a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva, con expresión da data, asistentes, asuntos tratados e acordos
adoptados. As Actas terán de estar asinadas, en todo caso, polo Presidente e o Secretario.

Artigo 22º
Nos Libros de Contabilidade figurarán tanto o patrimonio como os dereitos e obrigacións, e ingresos e gastos do Club, debéndose precisa-la procedencia daqueles e a inversión ou destino destes.

RÉXIME DISCIPLINARIO

Artigo 23º
Os órganos e socios do Club estarán sometidos ó regulamento disciplinario do Club e ó disposto no Título VII da Lei 3/2012, do Deporte de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 24º
Así mesmo o Presidente e os membros da Xunta Directiva responderán fronte os socios, o Club ou terceiros dos prexuízos que ocasionaren por culpa ou neglixencia grave, de conformidade coa regulamentación propia do Club e o Ordenamento Xurídico vixente.

CAPITULO V
RÉXIME ECONÓMICO-FINANCEIRO E PATRIMONIAL

Artigo 25º
1. No momento da creación do Club deportivo, o patrimonio fundacional é:
4.800 €_e non dispón de instalacións e locais propios
2. No futuro o patrimonio do Club estará integrado por:
a) As aportacións económicas dos socios, que aprobe a Asemblea Xeral.
b) As doazóns e subvencións que reciba
c) Os resultados económicos que pode producir as manifestacións físicodeportivas que organice a entidade.
d) As rendas, froitos e intereses do seu patrimonio.
Queda expresamente excluído como fin do Club o ánimo de lucro e a totalidade de seus ingresos e beneficios aplicaranse ó cumprimento dos seus fins sociais.

Artigo 26º
O Club poderá gravar e allear bens, mobles e inmobles, tomar diñeiro a préstamo e emitir títulos transmisibles representativos de débeda ou parte alícuota patrimonial, sempre que cumpra os seguintes requisitos:
1- Que se autoricen tais operacións por maioría de dous tercios dos socios presentes ou representados na Asemblea Xeral Extraordinaria.
2- Que ditos actos non comprometan de modo irreversible o patrimonio da Entidade ou a actividade físico-deportiva que constitúa o seu obxecto social. Para a adecuada xustificación deste extremo se poderá esixir, sempre que o soliciten como mínimo o cinco por cento dos socios de número, o oportuno dictame
económico-actuarial.
3- Cando se trate de gravar ou allear bens, mobles e inmobles que foran financiados en todo ou parte, con Fondos Públicos da Comunidade Autónoma será preceptiva a autorización previa do órgano competente da Xunta de Galicia.
Artigo 27º
O Club poderá emitir títulos de débeda ou de parte alícuota patrimonial, que serán nominativos.
Os títulos inscribiranse nun libro que levará ó efecto o Club, no que se anotarán as sucesivas transferencias.
En tódolos títulos constará o valor nominal, a data de emisión, e, no seu caso, o interese e prazo de amortización.

Artigo 28º
Os títulos de débeda só poderanse subscribir polos asociados, e a súa posesión non conferirá dereito algún especial ós socios, agás a percepción dos intereses establecidos conforme á lexislación vixente.
Artigo 29º
Os títulos de parte alícuota patrimonial han ser asemade, subscritos polos asociados. En ningún caso estes títulos darán dereito á percepción de dividendos ou beneficios.
Artigo 30º
Os títulos de débeda e parte alícuota patrimonial serán transferidos unicamente entre os que teñan a condición de socios.

CAPITULO VI
REFORMA DOS ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DO CLUB

Artigo 31º
Os presentes Estatutos só se poderán modificar, reformar ou derrogar, por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada a tal efecto, mediante votación favorable dos dous tercios dos socios de número asistentes.
A reforma destes estatutos seguirá, con respecto ó Rexistro Entidades Deportivas de Galicia, os mesmos trámites administrativos que para a súa inscrición.

Artigo 32º
O Club extinguirase ou disolverase por acordo de:
a) dos dous tercios dos socios en Asemblea Xeral Extraordinaria, convocada ó efecto
b) por sentencia xudicial
c) por outras causas legalmente determinadas. En todo caso haberá de ser notificado ó Rexistro de Entidades Deportivas.

Artigo 33º
Disolvido O Club, o remanente do seu patrimonio social, se houbera, aplicarase a fins análogos de carácter deportivo ben por acordo previo da Asemblea Xeral ou subsidiariamente polo órgano competente en materia de deporte da Xunta de Galicia.